Galleta dixestiva
Unha galleta dixestiva é unha galleta semidoce, cuxo nome procede da crenza de que tiña propiedades antiácidas debido ao uso de bicarbonato sódico nas receitas orixinais. Son coñecidas dende polo menos o ano 1876, cando apareceron en anuncios publicitarios de Huntley & Palmers, aparecendo unha receita no New Universal Cookery Book de Cassell (1894).[1]
Ingredientes
[editar | editar a fonte]A típica galleta dixestiva contén fariña integral grosa de trigo (o que lle dá a súa característica textura e sabor), azucre, aceite vexetal, gasificantes (normalmente bicarbonato sódico, ácido tartárico e acído málico) e sal. Tamén poden engadirse nalgunhas variedades soro de leite seco, fariña de avena, leite desnatada e emulxentes como o E472e. As galletas dixestivas poden non ser adecuadas para os alérxicos aos froitos secos ou a soia debido aos seus peculiares métodos de produción.
Debido a que se elaboran con fariña de trigo conteñen glute, polo cal están contraindicadas para os celíacos e alérxicos ao mesmo.
En Estados Unidos inclúen, como outros moitos alimentos, xarope de millo rico en frutosa. Non sucede así noutros países, onde se emprega máis azucre natural, como é o caso de Nova Zelandia[2] ou o Reino Unido.[3]
Unha galleta ten de media 70 kcal, aínda que isto varía segundo a forma concreta de produción.
Consumo
[editar | editar a fonte]As galletas dixestivas adoitan tomarse con té, café, leite ou cacao. Ás veces móllanse e cómense rápido pola súa tendencia a desintegrarse cando se empapan.
Só no Reino Unido as vendas de galletas dixestivas de chocolate ascenden a uns 35 millóns de libras anuais, uns 71 millóns de paquetes, consumíndose 52 galletas por segundo.[4] Son tamén populares en repostaría, para elaborar as bases das tortas de queixo e outras sobremesas parecidas.[5]
Variedades
[editar | editar a fonte]Tamén se comercializan galletas dixestivas de chocolate, coa base cuberta de chocolate con leite, negro ou branco. Producidas orixinalmente por McVitie's en 1925 baixo a marca Chocolate Homewheat Digestive, outras variedades recentes inclúen a galleta básica con chocolate rallado dentro (na masa), ou unha capa de caramelo, chocolate con menta ou chocolate con laranxa. O escritor de libros de viaxe estadounidense Bill Bryson describiu a galleta dixestiva de chocolate como unha «obra mestra británica».[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Oxford English Dictionary.
- ↑ "Griffins Digestives". Arquivado dende o orixinal o 02 de xuño de 2010. Consultado o 15 de maio de 2021.
- ↑ "McVities Digestives". Arquivado dende o orixinal o 05 de decembro de 2010. Consultado o 15 de maio de 2021.
- ↑ "McVitie's Brand History". Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2011. Consultado o 15 de maio de 2021.
- ↑ "Waitrose: Banoffee Pie". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2007. Consultado o 15 de maio de 2021.
- ↑ Bryson, Bill (1996). Notes from a Small Island. William Morrow. ISBN 0688147259.